Un ano máis, o Castañazo quere crear canteira e chegar ao público familiar, desta vez co Ourizo Rock! O sábado, 28 de outubro ás 11.30 na Praza do Cantón ou, se chove, no Auditorio, crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, malabares, castañas e diversión!

Combos da Casa da Música de Chantada

Contaremos coa actuación dos combos xuvenís da Casa da Música de Chantada.

A Run Run 

Madrugar, traballar no museo,facer a compra, as oito ximnasio, quedar,ter tempo para todo e para todos e de repente….zas! Xa non podes máis!Isto pasa ata nas mellores familias. Através da apresurada e rutineira vida de dúas amigas dunha grande cidade, de calquera cidade galega, descubriremos o bo que é as veces pararse a respirar. Reparar que o museo onde traballas vaiche abrir os ollos, e farás realidade aqueles soños que tiñas de cativa e que compartías con mamá… …mamá eu de maior quero ser música (quero ter unha charanga).

A Run Run presenta en primicia no Ourizo Rock unha peza teatral para toda a familia, onde grandes e pequenos gozarán das peripecias destas rapazas e de música en directo. Amizade, liberdade e superación.

Ramón Gato

Contamos tamén coa presenza de Ramón Gato, un malabarista contemporáneo que desenvolveu o seu propio estilo con base na manipulación de mazas. Actualmente está actuando con «Malabaristíca, ciencia e malabares», un espectáculo de creación propia.