Disque as mellores cantigas agroman nas tabernas e de alí espállanse polo mundo. Somos conscientes desta realidade e por iso recuncamos un ano máis organizando o Certame de Cantos de Taberna o día 1 de novembro a partires das 15:00 horas, coincidindo coa celebración da segunda xornada do Castañazo.

BASES DE PARTICIPACIÓN
- Os grupos participantes estarán integrados por un máximo de 10 persoas que en ningún momento se poderá exceder.
- A inscrición é de balde e poderase realizar, ata completar un límite de 12 grupos, escribindo ao enderezo electrónico : cantosdetaberna@castanhazo.com
- A inscrición poderase realizar ata o domingo 26 de outubro ou, de ser o caso, ata completar o tope de grupos. Para a inscrición precisarase o nome do grupo, un teléfono de contacto e o número de integrantes.
- A recepción dos grupos terá lugar o propio día sábado 1 de novembro entre as 15:00 e as 15:15 horas na Praza da Paz (ao lado do bar Época) de Chantada. Prégase puntualidade co fin de axilizar a actividade dacordo o programa do festival. A hora de remate será as 18:00 horas.
- Cada grupo poderá interpretar en cada taberna 2 pezas, de libre escolla, do repertorio popular ou composicións propias ou orixinais.
- Cada taberna convidará ás persoas integrantes a 1 consumición (auga, viño, cervexa ou refresco).
- Atendendo as suxerencias en edicións anteriores non vai haber puntuación nin premios, polo que todos os participantes serán gañadores e o premio final será desfrutar da festa.
O CASTAÑAZO É UN ESPAZO LIBRE DE VIOLENCIA MACHISTA.
Polo tanto, rexeita con rotundidade calquera conduta contra a igualdade de todas as persoas. Asi pois, tamén nos cantos, fai un chamamento aos grupos para que procuren evitar contidos machistas, misóxinos e homófobos que tanto abundan na tradición, mais que poden e deben ser actualizados para non contribuir a perpetuar unha discriminación que ten demasiados séculos de vida. Nós decidimos que parte da tradición paga a pena conservar a transmitir.

Para rematar, a partires das 18:00 horas contaremos co pasarrúas da Mekánica Rolling Band.

