Este ano recupérase unha tradición do Castañazo, os Xogos Bravús, destinados a aquelas persoas que queiran demostrar que son ou serían dignas de vivir nas aldeas e vilas do rural galego.
Ubicaranse nun novo escenario, trocamos o BravúArena polo CurralBravú, situado na Praza de España de Chantada ou, como a coñecemos por aquí, Praza do Cantón. Pódese chegar facilmente e está preto do recinto do festival:
Esta proba terá lugar o venres día 1 de novembro antes dos tan ansiados concertos, sempre e cando o permitan as condicións meteorolóxicas. Existirán dúas modalidades:
- Individual: destinada ás persoas máis bravas que actúen en solitario e que poderán acudir dende as 16:00h.
- En equipos: para os equipos máis habilidosos e rudos, que comezarán a partir das 17:00h.
INSCRICIÓN:
Se queres ser un dos 6 equipos inscríbete antes do xoves 31 de outubro do seguinte xeito:
- No enderezo xogosbravus@castanhazo.com indicando o nome do equipo, un mail de contacto e un número de teléfono.
Para as probas individuais non fará falta inscrición previa, só achegarse con ganas de pasalo ben e superar os retos propostos.
BASES:
Os equipos deberán ser mixtos e estar compostos por 5 integrantes.
5 probas:
Rebola bolo: 3 persoas do equipo teñen que empurrar un bolo dende a saída ata un determinado punto no menor tempo posible. | |
Lanzamento de Ourizo: as persoas elixidas de cada equipo deben xirar 5 voltas sobre elas mesmas e, a continuación, lanzar 3 ourizos a un cesto. Gañará quen meta máis ourizos e, no caso de empate, farase tanda de penaltis ata determinar o equipo gañador. | |
Carreira de leiteiras: unha parella do equipo deberá levar a leiteira mediada ata un determinado punto e volver. En cada ronda competirán 3 equipos. As parellas gañadoras competirán entre elas polo 1º e 2º posto, as segundas clasificadas polo 3º e 4º e as terceiras polo 5º e 6º. | |
Debulla millo: dúas persoas de cada equipo deberán debullar a máxima cantidade de millo posible. O equipo gañador desta proba será o que debulle máis gramos nun tempo determinado. | |
Movemento de marco: Un dos membros do equipo deberá atopar, cos ollos tapados, o marco agochado entre a palla, guiado polos seus compañeiros. Competirán varios equipos a un tempo. O equipo que gañe tódalas eliminatorias será o vencedor. |
*Nas probas de forza “Rebola bolo” e “Carreira de leiteiras” deberán participar todos os membros do equipo, é dicir, 3 persoas no primeiro e as 2 restantes no segundo.
PUNTUACIÓN:
- Cada proba puntuarase con 10,8,6,4,2 e 1 punto a cada un dos equipos en función do posto acadado en cada proba. A puntuación final que determina a clasificación será a suma dos puntos acadados en tódalas probas.
Haberá premios para todos os equipos participantes.