Disque as mellores cantigas agroman na taberna e de alí espállanse polo mundo. Somos conscientes desta realidade e por iso recuncamos un ano máis organizando o X Certame de Cantos de Taberna. Tralo éxito e boa acollida da actividade nas pasadas edicións facemos unha nova convocatoria para o día 28 de Outubro, coincidindo coa celebración da segunda xornada do Castañazo, entre as 14:30 e as 18:30 horas.

BASES DE PARTICIPACIÓN

1. Os grupos participantes estarán integrados por un máximo de 10 persoas.

2. A inscrición é de balde e poderase realizar ata completar un límite de 12 grupos participantes mediante o correo electrónico cantosdetaberna@castanhazo.com ou ben contactando no teléfono ✆ 659494720.

3. A inscrición poderase realizar a partir do 27 de setembro e ata o día 21 de outubro, indicando no momento o nome do grupo que concursa, un enderezo electrónico, un teléfono de contacto e o número de integrantes.

4. A recepción das persoas participantes farase o día 28 ás 14:30 horas na Praza de Santa Ana (Plazuela) de Chantada. Prégase puntualidade co fin de axilizar a actividade de acordo co programa do festival. A hora de remate será ás 18:30 horas.

5. Cada grupo interpretará unha ou dúas pezas en cada taberna (segundo indiquen as guías da organización en función do número final de participantes e do número de tabernas do roteiro). As pezas serán en galego, de libre escolla, preferentemente entre o repertorio popular aceptándose tamén composicións propias e orixinais que poderán variarse ao longo do percorrido polas tabernas.

6. Atendendo as suxerencias de grupos participantes en edicións anteriores, este ano tampouco vai haber puntuacións nin premios, polo que todos os grupos participantes serán gañadores e o premio final será desfrutar da festa.

E lembra…

O CASTAÑAZO É UN ESPAZO LIBRE DE VIOLENCIAS MACHISTAS!

Polo tanto, rexeita con rotundidade calquera conduta contraria á igualdade de todas as persoas. Así pois, tamén nos cantos, fai un chamamento aos grupos para que procuren dentro do seu repertorio evitar contidos machistas, misóxinos e homófobos que tanto abundan na tradición, mais que poden e deben ser mudados e actualizados para non contribuír a perpetuar unha discriminación que ten demasiados séculos de vida. Nós decidimos que parte da tradición paga a pena conservar e transmitir.