
Un ano máis, o Castañazo quere crear canteira e chegar ao público familiar, desta vez co Ourizo Miúdo! O sábado, 1 de novembro ás 11.30 no Auditorio Municipal de Chantada, crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión! Además, este ano contaremos coa visita especial do Xabarín!

Os Jalochos
Lugar: Auditorio Municipal de Chantada
Hora: 11.30h
“A Landra viaxeira e o amigo Lambón”
Un libro no que o público infantil poderá seguir as aventuras destas dúas personaxes e os amigos e amigas que polo camiño atoparán. Cunha folla de carballo que se transforma en camión, nun barquiño, nun paraguas, se precisan dun avión, Landra e Lambón coñecerán a Picapeixe e Picapaus, o punki Ramón o Salmón, a píntega Leda, Old Pot que é unha tarteira vella e Lara, a píllara espacial. Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que pon en valor este libro para o divertimento das pícaras e pícaros da casa.
Landra e Lambón, dúas criaturas que son un conto de fadas, relatan unha fabulosa historia chea de música, cor, aventuras, novas amizades e singulares expresións que pola costa galega adoitan falar.
Este conto leva aparellados distintos recursos en soporte dixital, completando así a obra cun audiolibro e doce pezas musicais para gozar en familia.


Exposición na Casa da Cultura
Ilustracións feitas polo alumnado dos CEIP da vila e inspiradas no Castañazo, na música e no magosto, decorarán as paredes da Casa de Cultura de Chantada! A exposición estará aberta ao público todo o mes de novembro.


