Este ano, ao igual que na pasada edición, contaremos cos Xogos Bravús, destinados a aquelas persoas que queiran demostrar que son ou serían dignas de vivir nas aldeas e vilas do rural galego.
Ubicaranse no CurralBravú, situado na Praza de España de Chantada ou, como a coñecemos por aquí, Praza do Cantón. Pódese chegar facilmente e está preto do recinto do festival:
Esta proba terá lugar o venres día 31 de outubro antes dos tan ansiados concertos. Existirán dúas modalidades:
- Individual: destinada ás persoas máis bravas que actúen en solitario e que poderán acudir dende as 16:30h.
- En equipos: para os equipos máis habilidosos e rudos, que comezarán a partir das 17:00h.

INSCRICIÓN:
Se queres ser un dos 6 equipos inscríbete antes do mércores 29 de outubro do seguinte xeito:
- No enderezo xogosbravus@castanhazo.com indicando o nome do equipo, un mail de contacto e un número de teléfono.
Para as probas individuais non fará falta inscrición previa, só achegarse con ganas de pasalo ben e superar os retos propostos.

BASES:
Os equipos deberán estar compostos por 5 integrantes.
5 probas:
| Rebola bolo: 3 persoas do equipo teñen que empurrar un bolo dende a saída ata un determinado punto no menor tempo posible. | |
| Lanzamento de Ourizo: As persoas elixidas de cada equipo deben xirar 5 voltas sobre elas mesmas e, a continuación, lanzar o maior número de ourizos a un cesto nun tempo determinado. Gañará quen meta máis ourizos. | |
| Carreira de leiteiras: Unha parella do equipo deberá levar a leiteira mediada ata un determinado punto e volver. En cada ronda competirán varios equipos á vez. | |
| Debulla millo: Unha persoa de cada equipo deberá debullar a máxima cantidade de millo posible. O equipo gañador desta proba será o que debulle máis gramos nun tempo determinado. | |
| Movemento de marco: Un dos membros do equipo deberá atopar, cos ollos tapados, o marco agochado entre a palla, guiado polos seus compañeiros. Competirán varios equipos a un tempo. | |
*Nas probas de forza “Rebola bolo” e “Carreira de leiteiras” deberán participar todos os membros do equipo, é dicir, 3 persoas no primeiro e as 2 restantes no segundo.
PUNTUACIÓN:
- Cada proba puntuarase con 10, 8, 6, 4, 2 e 1 punto a cada un dos equipos en función do posto acadado en cada proba. A puntuación final que determina a clasificación será a suma dos puntos acadados en tódalas probas.
- Haberá premios para todos os equipos participantes.

